Aínda que en Cacheiras xa se xogaba ao fútbol desde os anos 40 do pasado século, a fundación da Sociedade Deportiva Cacheiras non se produciría até o ano 1977. O primeiro partido oficial xogaríase no campo dos nosos veciños de Praíña, saldado cun triunfo por 1-3. Esa tempada inicial remataría co campionato da terceira rexional e o ascenso á potente segunda autonómica da época, a chamada Liga do Sar. Son eses anos un período de numerosa afección, con grandes entradas no campo da Cañoteira e enchendo autobuses para acudir a cada desprazamento, cumprindo boas tempadas tanto en Liga coma en Copa (a asignatura históricamente pendente do clube) cun equipo que se vai gañando fama de potente dentro da comarca.
O Cacheiras remata nas posicións altas da táboa e chega ás últimas roldas copeiras, caendo un par de anos seguidos co Dubra, a “besta negra” do Cacheiras neses tempos. O impulso inicial vai decrecendo pouco a pouco ata o primeiro descenso, na tempada 82/83. Un retorno inmediato na seguinte campaña e un par de anos máis de transición, co bo prólogo do paso do equipo xuvenil pola Liga Galega na tempada 85/86, abren camiño á mellor época do clube.
Coa chegada de José Luis Iglesias e unha boa camada de xogadores procedentes da canteira do Vista Alegre santiagués, o Cacheiras conquire o campionato de segunda na tempada 86/87 e alcanza por primeira vez a primeira rexional, aínda que continuando coa súa mala sorte copeira: perde a final da Copa do Sar no último minuto co San Mamede, outro conxunto históricamente “maldito” para o Cacheiras. Tras unha boa tempada de debut na nova categoría, na que se repite a maldición copeira voltando a caer no último minuto da final ante o Noia, o Cacheiras consegue o subcampionato na 88/89, caendo na segunda rolda da promoción tras unha estrana eliminatoria contra o San Lázaro lucense. O ascenso á Preferente chega na 89/90, cun novo subcampionato e compartindo éxito co eterno rival do concello, a S.R. Calo.
O debut na Preferente Norte sáldase coa permanencia, conquerida de forma rocambolesca grazas a un partido repetido co Noia xogado coa tempada rematada e que o Cacheiras gañaría por 0-1. Sen embargo, a seguinte campaña estaría marcada polos problemas dende o comezo e a aventura do clube na Preferente remata co descenso de categoría. Na tempada 92/93 o Cacheiras alcanza un acordo de colaboración co Compostela, recollendo os xogadores da súa canteira, pero o proxecto rompe bruscamente no verán seguinte ao non haber ningún candidato á presidencia do clube e ser este entregado á Federación. Son dous anos sen a SD Cacheiras no fútbol federado, ata que na tempada 95/96 o clube comeza de novo na terceira rexional.
Tras tres anos e non poucas dificultades chega o ascenso á segunda rexional, onde o Cacheiras xa se vai asentar nos seguintes anos, accedendo de cando en vez á categoría superior. O ascenso da tempada 03/04 duraríalle dous períodos ao clube, e tras varios intentos infructuosos, incluíndo algunha promoción perdida, volve a conquerirse o ascenso co subcampionato da 11/12. Unha mala tempada no retorno á primeira autonómica devolve ao Cacheiras á segunda autonómica, onde compite esta tempada no grupo V.
Histórico:
- 2 tempadas en Preferente.
- 7 tempadas en 1ª Autonómica.
- 26 tempadas en 2ª Autonómica.
- 6 tempadas en 3ª Autonómica.
Palmarés:
- 2 campionatos de 3ª Autonómica (77/78, 99/00)
- 2 campionatos de 2ª Autonómica (86/87, 03/04)
A Primeira Directiva | Todos os presidentes |
Luciano Blanco Martínez | Luciano Blanco Martínez (1977 – 80) |
Gerardo Noya Nogareda | Luciano Castro Barreiro (1981 – 11 julio) |
Adolfo Francos Louro | Sabino Coelho Baluja (1981 – 5 septiembre) |
Enrique Raviña Valdés | Adolfo Francos Louro (1982) |
Ramón Valiño Bascoy | Manuel Rama Lesta (1983) |
Santiago Ferreira Aldrey | Alberto Coelho Amo (1983 -88) |
José Gómez Espiñeira | Armando Blanco Martínez (1988 – 90) |
Antonio Blanco Seoane | Luis Ferreira Aldrey (1992) |
Guillermo Blanco Seoane | José Luis García Rego (1993) |
Ramón Gómez Espiñeira | Carlos Sonería Romero (Gestora) (1994) |
Jesús García Rivas | Eugenio Rilo Iglesias (1995 – 2001) |
Fernando Garabal Vázquez | Manuel Rodríguez Lueiro (2002) |
Albino Pena De la Torre | Carlos Martínez Blanco (2003) |
Armando Blanco Martínez | David Pesoga Cao (2004) |
Eugenio Rilo Iglesias | Manuel Rodríguez Lueiro (funcións, 2005) |
Eduardo Manzano | Manuel Sánchez Raices (2006 – 2013) |
Jesús Fuentes Antelo | José Manuel Fernández Seoane (2013 – Actual) |
José Manzano Sabas |